Día da Liberdade de Prensa -e nós con estes pelos…

Hoxe é 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Expresión e de Prensa, declarado como tal pola ONU hai xa 18 anos. Así que as e os xornalistas estamos hoxe de festa. Cada quen o celebrará -ou non- dunha forma. Eu, persoalmente, optei por escribir isto a modo de editorial. Por se a alguén lle quedaban dúbidas sobre a miña subxectividade.

Escribo dende un lugar moi ad hoc, a Facultade de Comunicación, da cal sairá en breve unha nova xeración de profesionais que previsiblemente pasarán uns anos de peregrinación, e non precisamente á Catedral, senón na procura dun traballo digno. Moitos deixarán Galicia para buscar noutra parte. Eu, persoalmente, xa estou pensando facelo nun futuro próximo.

Como vai iso da liberdade de expresión? A Declaración de Dereitos Humanos di que

Todo individuo tiene derecho a la libertad de opinión y de expresión; este derecho incluye el de no ser molestado a causa de sus opiniones, el de investigar y recibir informaciones y opiniones, y el de difundirlas, sin limitación de fronteras, por cualquier medio de expresión.

e no artigo 20 da Constitución Española se recoñecen e protexen os dereitos

  1. A expresar y difundir libremente los pensamientos, ideas y opiniones mediante la palabra, el escrito o cualquier otro medio de reproducción.
  2. A la producción y creación literaria, artística, científica y técnica.
  3. A la libertad de cátedra.
  4. A comunicar o recibir libremente información veraz por cualquier medio de difusión. La Ley regulará el derecho a la cláusula de conciencia y al secreto profesional en el ejercicio de estas libertades.

e especifica a continuación que estes dereitos non admiten ningún tipo de censura, exceptuando os dereitos que son o límite da liberdade de expresión, especialmente o dereito ao honor, á intimidade, a propia imaxe e a protección da xuventude e da infancia. Calquera que fora ás clases de Dereito da Información sabe isto… e case tod@s sabemos o caso que se lle fai a iso que chaman “dereitos fundamentais”.

A responsabilidade de protexélos e tamén, en gran parte, nosa, das e dos xornalistas que aínda cremos nesta profesión, que pensamos que é posible facela ben, aínda que teñamos constantemente sobre as costas a opinión de quen nos paga o salario (cando o hai, no mellor dos casos). A mesma persoa que, seguramente, xamais pisou unha clase de xornalismo. E tampouco de ética.

E falo dende aquí, onde afortunadamente ninguén de nós arrisca a súa vida para asegurar que a información chega onde ten que chegar. Pero se ollo nas listas de Reporteiros Sen Fronteiras. No que levamos de ano: 18 xornalistas mortos e 151 encarcerados; 2 colaboradores mortos e 9 encarcerados; 129 net-cidadáns tamén privados de liberdade (a meirande parte deles son bloggers, por certo). E no ano 2010: 57 xornalistas e 1 colaborador mortos; 145 xornalistas, 9 colaboradores e 111 net-cidadáns encarcerados. E mellor non mirar máis para atrás.

Esta xente si que é admirable. Necesaria. Imprescindible! GRAZAS, COMPAÑEIR@S.

Nós, aínda que dende a comodidade das nosas sociedades libres, tamén temos o noso.

Autocensura por medo a perdelo traballo, por dicir o que hai, sen decoracións. Explotación dos novos licenciados a través das bolsas. Cambios nos titulares ou manipulacións da información. Cando directamente tes que escoitar “a este tes que deixalo ben”. Roldas de prensa sen preguntas. Ocultación dos nosos conflitos laborais mentres cubrimos os do resto do mundo. Inexistencia dun Estatuto do Xornalista no noso estado. Subvencións incontroladas que serven para pagar os cada vez máis numerosos EREs. Desprezo xeneralizado á voz da cidadanía, que hoxe se expresa con claridade e constancia.

Vernos transformados en publicistas, cada vez máis lonxe do xornalismo.

Aos tejemanejes tristemente “normais” nos medios hai que sumar unha crise que pegou ben forte na nosa profesión. Se as empresas non teñen cartos, non hai publicidade. Sen publicidade, os medios quedan sen a meirande parte dos seus ingresos. E cando non hai ingresos, empezan os recortes. E isto se nota na calidade da información. Cada vez menos empregados e o mesmo nivel de información. O que quer dicir que cada un ten que facer máis traballo, máis rápido e o mellor posible. Pero non somos procesadores de información, nin ordenadores, nin robots. Facer novas require tempo, reflexión, investigación, moito máis traballo -cando se fan ben- que o que a xente supón.

Claro, se se quere facer rápido, o máis doado é coller a nota de prensa, cambiarlle dúas palabras, recoller por teléfono (en persoa non nos da tempo) un par de declaracións, metélas con calzador, e veña. Collede un xornal -calquera- e mirádeo ben. Veña patadas ao dicionario, á gramática e á ortografía. Novas que non se entenden ou son ambiguas. Novas calcadas dos teletipos das axencias e repetidas en todos os xornais. Noticias absurdas de dubidoso interese. En fin… despois nos estrañamos de que a nosa profesión sexa obxecto de desprezo. A meirande parte das veces teñen razón, aínda que eu convidaría aos críticos a cambiar “xornalistas” por “empresarios e donos dos medios”. Así é máis “obxectivo”.

E aínda así…. eu estou orgullosa de ser xornalista. Temos unha profesión fermosa, non apta para cínicos, coma ben dixo o mestre Ryszard Kapuscinski. Tampouco caben neste barco as persoas interesadas, especuladoras, difamadoras, iluminadas, pagadas de si mesmas, enaltecidas e, resumindo, gurús e seres carentes de humildade.

Por iso, e agora máis que nunca, temos a obriga de ter respecto por nós mesm@s e de facernos respectar; de facer que a xente, grazas e pola cal existe o noso oficio, recupere a confianza en nós. Confiar tamén en eles, como usuarios da información e como produtores e fontes da mesma. Hai tempo que parece que lles negamos a capacidade de elixir por si mesmos. As poucas veces que vexo a tele, e salvo honrosas excepcións, comezo a dubidar de que exista vida intelixente neste planeta.

A situación actual do xornalismo non é para celebrar, dende logo. O que si paga a pena é o oficio en si, a sensación de comunicar, de poñer en contacto á xente co mundo, e con outra xente, e con nós mesm@s. A satisfacción de ir ca verdade por diante, aínda que haxa consecuencias. De poder dicir “eu non me vendín, aínda que tampouco gañei un can”. Hai que ser un pouco Don Quixote, para ser quen de ver  os xigantes onde outros ven só muíños, e ter armas para darlles batalla.

Porque calquera persoa curiosa, inquieta, preocupada polo pouco sentido que ten este mundo, podería facer o noso traballo aínda que non o saiba. Pero os que xa estamos nisto, ou están a punto de estar, somos responsables de que para vindeiros 3 de maio, haxa algo que nos faga dicir, sacando peito, “son xornalista”.

Para acabar de animaros, un pequeno vídeo que atopei. Palabra de Gabilondo, nesta ocasión moi sabia, e adecuada para esta data.

Remato pedindo desculpas pola miña ausencia, longa demáis. Estou facendo a parte teórica ineludible para defendelo meu proxecto, que é este blogue. Unha desas ocasións en que o urxente deixa pouco tempo para o importante. Pero hoxe tocaba postear!!

Un saúdo parabólico, coma sempre… e especialmente parabólico, xa que están lonxe, para meus querid@s “Periodistas Aburridos”… ánimo, muchachada… non temos traballo, pero o pasamos moi ben nas ceas anuais. 😀

%d bloggers like this: