Os medios en galego dentro do labirinto

NOTA: publicado orixinalmente no antigo blogue (http://olloparabolico.blogaliza.org) o día 17 de marzo de 2011.

Benvidas, benvidos… velaquí a primeira entrada deste blogue. Comezar calquera cousa sempre mete algo de medo, mais penso que a mellor forma de superálo é atirarse á piscina. E o destino quixo pór nas miñas mans un tema perfeito para dar o pistoletazo de saída. Alá vou, con moitas ganas e toda  a ilusión.

Pepe Arias (de Corsárias), Marcos, Comba, Xoán e Gerardo. Foto: Blogue de Estaleiro

O luns celebrouse na Biblioteca Ánxel Casal á primeira mesa redonda do periplo compostelán das II Jornadas galego-portuguesas de edição independente, tralo seu paso por Porto. Antes que nada, cómpre mencionar que este ano as editoras independentes que organizaron as anteriores xornadas, Estaleiro Editora e Corsárias, tenderon a man aos responsables de proxectos similares alén do Miño, as lusas Gato Vadio, Casa Viva e Colectivo Hipátia, para coorganizar as deste ano.

O ‘menú’ ofrecido pola organización foi gustoso para calquera que se dedique ao xornalismo nesta terra (e en calquera, en realidade). A situación dos medios de comunicación en galego, o seu presente, o seu futuro. Ao redor da mesa sentáronse Marcos Pérez Pena, xornalista e tamén blogueiro; Comba Campoy, da veterana revista Tempos Novos;  Xoán R. Sampedro, de Novas da Galiza, e Gerardo Rodrigues do Portal Galego da Língua.

 

A crise que estamos a pasar pegou duro no mundo do xornalismo, isto non é novo para ninguén. A pregunta é como afectou aos medios galegos e, indo ao fondo da cuestión, se é viable e pertinente un novo medio en galego, e que facemos cos proxectos que xa existen.

“A situación non mudou moito ca crise, o que pasou foi que se acentuaron as tendencias que xa existían”, afirmou Marcos Pérez Pena. En canto á TV e a radio, que dependen de licencias e concesións, é obvio que o panorama é moi limitado, aínda que sinalou unha posibilidade para novos proxectos coa oferta pública de concesión de 89 licencias de FM que a Xunta anunciou a principios deste mes, e que espera facer efectiva a finais de abril.

Na prensa escrita e nos medios dixitais atopamos algo máis de “vidilla”, e tamén proxectos en galego e alternativos, aínda que estes últimos non poden competir coas cabeceiras maioritarias e empresariais. Como sinalou Marcos, “o mercado está dominado polos medios locais, e non é un mercado libre na práctica. As subvencións supoñen unha certa redistribución que podería axudar a financiar novos proxectos, pero o problema está nos criterios cos que se conceden”.

Co recente peche de Vieiros, A Nosa Terra e A Peneira, o baleiro de información profesional feita en galego fíxose máis que evidente. Independentemente das razóns últimas das mortes destes “buques insignia”, a realidade da perda segue sendo a mesma. Os poucos proxectos comunicativos que apostan pola lingua galega pódense contar cos dedos dunha man, e sobreviven de forma precaria e tirando moito de colaboracións e traballo voluntario, algo do que os conferenciantes deron boa fe: “A razón pola que as veces o contido de Tempos Novos é tan denso e porque as achegas desinteresadas as fai xente moi especializada no seu -explicou Comba Campoy- e agradecémolo moitísimo; mais é preciso tamén un traballo xornalístico profesional que non nos podemos permitir”.

Algo parecido ocorre co proxecto de Novas da Galiza, cuxo consello de redacción está formado integramente por licenciados en Xornalismo. Coma explicou Xoán R. Sampedro, “o xornalismo cidadán e as achegas voluntarias non nos escusan de facer un traballo profesional, aínda que ter o título non é por si só garantía de profesionalidade; como xa sabemos, a carreira tampouco nos proporciona ferramentas infalibles, e máis para casos tan particulares coma o galego”. Algo farían ben, porque a publicación está a celebrar o seu décimo aniversario, ao que chegou “a base de traballo voluntario e militante, o que nos permite non depender de vinculacións económicas con ningunha empresa e evitamos así ter que modular ou directamente mudar o noso discurso en base aos cambios no poder”.

É unha triste realidade que os medios, de calquera tipo e condición, teñan que pechar por falta de cartos para mantelos ou recorrer a favores para sobrevivir. Porén, non é menos dramático, no caso que nos ocupa, o escaso compromiso do público cos medios escritos na súa lingua. Foi Marcos Pérez Pena quen puxo sobre a mesa un dos problemas fundamentais:  “Un medio novo ten que nacer dunha sociedade viva e rica, e Galicia non está nesa situación. Falta actividade e dinamismo e moitas veces sobran hipocrisía e esquizofrenia; podes convocar a 30.000 persoas para una manifestación polo galego, mais esa mesma xente non pagaría unha subscrición para manter un medio. O problema está en nós mesmos”.

Os xornalistas, por suposto, non estamos exentos de culpa. “Como profesionais, tivemos o grande erro de pensar que eramos parte da elite, e agora estamos caendo da burra ao enfrontarnos cunha realidade laboral moi precaria”, reflexionou Campoy.  Isto a min me lembra algo que no meu grupo de amigos de Madrid chamamos o síndrome do taxista do barrio de Salamanca. Que non ten un peso, pero se acostumou tanto a levar xente importante ou rica que acabou pensando e actuando coma eles. Sempre levan a COPE posta, por certo. Fixádevos ben cando collades un taxi na capital.

Ben é certo que as condicións nas que se desenvolve a nosa actividade son, en moitos casos, incompatibles cun traballo ben feito. Atopei certeiras as palabras de Gerardo Rodrigues ao respecto: “O traballo xornalístico é bastante arduo, require tempo de investigación, reflexión, precisión… cando tes que escribir cinco, seis ou sete noticias ao día, en xornadas que normalmente superan as 8 horas, con quendas partidas, e sen remuneración por horas extra… a cabeza vaise, e así se ven cousas publicadas que están erradas ou non son completas”. Valga de puntilla a isto a frase lapidaria de Xoán, ca que eu concordo:”Facer o traballo que nos gusta, facelo ben e cunhas condicións dignas é irreal a día de hoxe”.

Mais non podemos caer no vitimismo porque -e supoño que isto o vou repetir nalgunha outra ocasión- tampouco somos unha profesión unida con capacidade de reivindicación. Tradicionalmente, gardamos para nós os nosos segredos profesionais, somos celosos co noso método de traballo, case sectarios. Mais agora os cidadáns teñen outras vías para consumir e crear información, e os medios teñen que abrirse a esa realidade, ou transformarse dende a raíz, mais ben. Coma sinalou o xornalista de Novas da Galiza, “non se potencia para nada a participación do público, que moitas veces se limita á posibilidade de poñer comentarios e pouco máis. Non hai unha vontade de participación real, de que o público tome o control da información”.

Somos celosos ata cos nosos conflitos. Porqué non se escoita falar de folgas de xornalistas? Porqué non temos un Estatuto que protexa a nosa profesión? É ético informar sobre os problemas doutros sectores e non dos do noso cando, en parte, temos nas nosas mans o dereito á información dos cidadáns?

Comba achegou un lóstrego de esperanza nunha sesión á que os convidados acudiron cun día non moi positivo (e isto o dixeron eles mesmos), insistindo na necesidade de aproveitala situación e constituírmonos nun colectivo que procure de forma conxunta outra vía para facer xornalismo con dignidade.

Despois de deixar pasar uns días para “repousar” sobre todo o que se dixo o luns (unha información que foi moi útil a nivel persoal e profesional, xa que unha non naceu nesta terra e polo tanto ten aínda baleiros no tocante á realidades concretas), voume atrever a sacar algunhas conclusións, coas que por suposto podedes ou non estar de acordo, e para iso serven os comentarios:

  • Primeira, que os que nos dedicamos a isto do xornalismo, ou o intentamos, ou polo menos temos un título que di que somos xornalistas, temos que unirnos dalgunha maneira, recuperar os principios de utilidade e servizo que están na base do noso traballo e que quedan diluídos no decorrer do día a día no seo dunha empresa.
  • Segunda, enfocada cara ao “público”, que hai que conseguir que a xente galega vexa a importancia de ter un medio na súa lingua, e eu diría que o máis construtivo neste sentido sería lembrarlles que teñen dereito a unha información plural e profesional, que sexa unha representación xusta da sociedade na que viven. E no momento que desaparecen de xeito masivo medios nunha lingua, o equilibrio se perde, e parte da realidade deixa de estar presente.
  • Terceira, que teño que facer contas e ver se me podo permitir subscribirme a algún medio en galego.

Mentres facía un pouco de investigación para escribir esta tremenda chapa (prometo ser mais “multimediática” a próxima vez), atopei o blogue de A Nave das Ideas, colectivo vigués que estes días tamén se atopa conversando virtualmente sobre isto do xornalismo, o galego e o xornalismo en galego. Atoparedes reflexións previas ás xornadas que organizan o vindeiro 25 de marzo, firmadas por distintos profesionais. Se a alguén lle interesa afundar un pouco na cuestión, suxiro unha visita ao mesmo.

Unha aperta parabólica!

PD: agradezo tamén as correccións lingüísticas… non sempre teño a mán un diccionario ou un bo galegofalante ao que preguntarlle.

Advertisements
%d bloggers like this: