A semana das gafas violetas

 

Proveitosas. Moi proveitosas. Ven sendo o resumo das II Xornadas sobre Información e Xénero, que decorreron entre o 20 e o 25 de marzo na facultade de Ciencias da Comunicación. O Ollo tivo o pracer de participar, un pouco por aprender e outro pouco por contárvolo despois. Agora que xa remataron, chega o momento máis complicado: o da compilación, a reflexión, a dixestión e a regurxitación aquí no blogue (e na vida, claro). E é que cinco días, a razón de cinco horas e media por xornada, dan para MOITO. De feito, a única pega que lles podo poñer é xustamente que eran moitas horas de dios, e por veces foi difícil manter a cabeza esperta nas últimas sesións de cada día.

Gran mérito o da organización, que correu a cargo da investigadora de CIDACOM Ana Belén Puñal, sobre todo porque conseguiu achegarnos un programa ben variado, transversal, tal como é o feminismo. Falamos de comunicación e xornalismo, por suposto, pero non só: filosofía, política, linguaxe, historia, sexualidade, desenvolvemento, saúde, medio ambiente, novas tecnoloxías, economía, educación, cultura, deporte… poucas áreas quedaron sen tocar, sempre cas gafas violetas ben suxeitas no nariz. O triste do caso foi que ao mergullarnos neste mar, atopamos que se hai algo transversal é a desigualdade por razóns de xénero. Será por iso que o feminismo é o movemento social cunha historia máis longa? E cantos séculos máis ten que seguir existindo, se a dia de hoxe a marxinación da metade da humanidade segue patente en case tódolos campos?

Seguir lendo

%d bloggers like this: