Imoslle ao ring??

Hoxe espertei con ganas de ver unha boa pelexa, así que aproveitarei que Berrobambán volven a montalo ring de Pressing Catch, esta vez no Salón Teatro, ás 20.30h. Levaba tempo querendo achegarme a vela súa orixinal proposta, que leva percorrendo as salas galegas dende a súa estrea na Nasa en marzo do ano pasado.

O texto saíu da cabeza de Paula Carballeira, coñecida artista á que, persoalmente, vin hai un par de anos nun contacontos que se fixo no bar As Dúas co gallo da Noite de Defuntos (no que, por certo, paseino coma unha nena). A dirección corre a cargo de Quico Cadaval, outro para o que sobran presentacións.

Berrobambán propón una peza teatral completa e moi “multimedia”, coa suma de texto, música, curtametraxes e coreografías, reproducindo e ironizando co ambiente que rodea o mundillo do pressing catch, e afondando na violencia como espectáculo. Xa vos contarei!

E xa que falamos de teatro. Onte, pasando pola praza de Galicia, dinme de morros co cartel do Festival Internacional de Teatro Universitario. Cita imperdible, sangue nova e internacional e prezos populares. Parabéns, por certo, ao Salón Teatro, que este mes ten unha axenda ben chea.

Vémonos cando suba o pano!

Saúdos parabólicos.

Advertisements
%d bloggers like this: