A semana das gafas violetas

 

Proveitosas. Moi proveitosas. Ven sendo o resumo das II Xornadas sobre Información e Xénero, que decorreron entre o 20 e o 25 de marzo na facultade de Ciencias da Comunicación. O Ollo tivo o pracer de participar, un pouco por aprender e outro pouco por contárvolo despois. Agora que xa remataron, chega o momento máis complicado: o da compilación, a reflexión, a dixestión e a regurxitación aquí no blogue (e na vida, claro). E é que cinco días, a razón de cinco horas e media por xornada, dan para MOITO. De feito, a única pega que lles podo poñer é xustamente que eran moitas horas de dios, e por veces foi difícil manter a cabeza esperta nas últimas sesións de cada día.

Gran mérito o da organización, que correu a cargo da investigadora de CIDACOM Ana Belén Puñal, sobre todo porque conseguiu achegarnos un programa ben variado, transversal, tal como é o feminismo. Falamos de comunicación e xornalismo, por suposto, pero non só: filosofía, política, linguaxe, historia, sexualidade, desenvolvemento, saúde, medio ambiente, novas tecnoloxías, economía, educación, cultura, deporte… poucas áreas quedaron sen tocar, sempre cas gafas violetas ben suxeitas no nariz. O triste do caso foi que ao mergullarnos neste mar, atopamos que se hai algo transversal é a desigualdade por razóns de xénero. Será por iso que o feminismo é o movemento social cunha historia máis longa? E cantos séculos máis ten que seguir existindo, se a dia de hoxe a marxinación da metade da humanidade segue patente en case tódolos campos?

As ponentes souberon transmitirnos a súa paixón e a súa crenza nun mundo igualitario, onde realmente todas as persoas sexan iguais, tal coma di a Declaración de Dereitos Humanos. Respecto a isto, venme á cabeza a frase dunha delas -agora mesmo non me lembro quen a dixo, xa digo que esta na cachola, mais non no caderno:

Non ser feminista debería ser ilegal

Aquí haberá quen se rasgue as vestiduras. Máis é a consecuencia última, exposta dunha forma intencionalmente provocativa, dunha reflexión lóxica que é coma segue: ‘feminismo’ non é o contrario de machismo, senón un sinónimo de ‘igualitarismo’ (tamén de tolerancia, xustiza, defensa da diversidade…), e a igualdade é un dereito universal. Ergo… obvio, non? Pois non, amigas e amigos, que hai quen aínda non se decatou disto. Probas? A mans cheas, para mulleres e homes!!! Xa vedes, aquí non se libra ninguén. E sobre todo no ámbito dos medios, que neste caso fan de todo menos comunicar e informar (picade nas imaxes):


 

 

 

 

 

 

 

 

Houbo algunhas sesións das que me gustaría falar de xeito máis concreto, sobre todo porque abondaban en campos dos que eu, persoalmente, non teño moita idea. E menos unha idea con visión de xénero. Polas reaccións que houbo na sala, diría que a todas nos abriron un pouco os ollos e, dende logo, as charlas déronnos algunhas sorpresas.

Para falar de economía con visión de xénero veu a profesora da Universidade de Vigo Coral del Río, que trouxo este artigo de María Pazos Morán. Nel, a economista do Instituto de Estudios Fiscales explica por que a configuración do IRPF (que, curiosamente, data dos anos 70, cando a situación social era ben distinta) supón unha dependencia económica total da muller casada que non traballa ao facer a declaración de xeito conxunto. A pregunta clave que se fai é:

É xusto que vaian a cargo do presuposto e, polo tanto, do contribuínte, os 1.530 euros de desgravación por ter unha muller na casa a un señor que gaña 66.000 euros? Téñase en conta que ese señor, alén de non pagar ningún salario polo traballo da súa esposa, tampouco paga impostos nin cotizacións”

Coral contounos tamén un caso de perogrullo, o das clasificadoras de peixe de Vigo -páxina 22- que, no ano 91, quixeron entrar nas quendas rotatorias, igual que os seus compañeiros. O resultado foi que antes de que pasara un mes, as perdas económicas eran tremendas. E non porque elas non souberan facer o traballo de estibadoras, senón porque eles non sabían clasificalo peixe, unha labor que require especialización. Problema: esa especialización non ven dada por uns estudos oficiais, mais por un fluxo de coñecemento que pasa de nais a fillas. Polo tanto, non se retribúe igual que o traballo de, digamos, un soldador. Finalmente, as mulleres volveron á cinta de clasificado mais, surprise, surprise, seu salario non aumentou.

Tamén se falou das baixas de maternidade e a súa influencia na situación laboral da muller. No momento que se dan facilidades para este tipo de baixas, é mais doado que a muller entre e saia do mercado de traballo, cas perda de produtividade e experiencia que isto supón, moitas veces acompañada tamén dunha dificultade para reincorporarse. Eventualmente, tamén hai unha maior taxa de abandono definitivo do traballo, o que supón unha perda para toda a sociedade, que non aproveita a forza de traballo destas mulleres. Segundo a Encuesta de Población Activa, un terzo das traballadoras a tempo parcial declaran non ter atopado un choio a tempo completo. Ocupan postos de pouca responsabilidade, a meirande parte das veces con contratos-lixo e en traballos non especializados (pensemos nas limpadoras, por exemplo). Tampouco se inviste no capital humano e na formación, as posibilidades de mobilidade xeográfica son menores (as familias tenden a mudarse se é o home quen atopa un posto mellor) e por tanto, as oportunidades de atopar un emprego mellor diminúen.

A última recomendación de Coral foi que botásemos un ollo aos artigos de Carmen Sarasúa e Lourdes Benaría, dúas mulleres que estudan con perspectiva de xénero este campo minado que é a economía e que, de cando en vez, conseguen colar algún artigo nos xornais. Pasamospalabra.

A encargada de achegarnos a outro destes campos “descoñecidos”, o das novas tecnoloxías, foi Luz Castro, do Cluster TIC Galicia. Como todo o mundo sabe, as mulleres non valemos para os cacharros. Claro, claro. Por iso foi unha muller, Ada Lovelace, quen fixo a primeira linguaxe de programación da historia.

Catro das “refrixeradoras”, programadoras do ENIAC

E eran seis mulleres as encargadas de programar o primeiro computador dixital para uso militar durante a 2ª Guerra Mundial, o ENIAC. Ata hai ben pouco, pensábase que aquelas damas que aparecían ao lado da tremenda máquina eran simples modelos que posaban para a foto, ou ben que se encargaban da súa refrixeración. De feito, as chamaban “as refrixeradoras”. Polo menos agora se reivindicaron as súas figuras.

Outro exemplo? Grace Murray Cooper, unha militar estadounidense coñecida polos seus colegas como Amazing Grace, pasou á historia por ser a creadora da primeira linguaxe de programación de alto nivel, chamado COBOL.

Porén, a fenda dixital entre homes e mulleres é evidente, e ten varios niveis: de acceso, de formación e de participación. Luz Castro preguntábase por que, se nenos e nenas receben a mesma educación básica ao respecto das novas tecnoloxías, as nenas comezan a quedar atrás no seu uso ou o abandonan. Unha posible resposta é que “os produtos TIC están enfocados ao usuario maioritario, que é un home branco entre trinta e corenta anos e con formación”. Así que non son deseñados dende o inicio dun xeito neutral. Pensemos na figura da muller nos videoxogos: Lara Croft (Tomb Raider), Samus Aran (Metroid), a princesa Peaches (Super Mario), Chun-Li (Street Fighter) ou a princesa Zelda. Os estereotipos destas personaxes son tan obvios que mesmo o Parlamento Europeo tomou cartas no asunto. Eu, persoalmente, aproveito para reivindicar a figura de Laura Bow, protagonista de dúas estupendas aventuras gráficas clásicas dos tempos do Monkey Island. Muller con estudos, traballo, inquietudes, curiosidade e, aínda por enriba, mais sagaz que Colombo. Por certo, lin hai tempo que algo influíu esta personaxe no nacemento de Lara Croft.

Cómpre dicir que, na actualidade, o uso das TIC entre a xente nova está equiparado e isto é algo que non ten volta atrás, polo que é de esperar que nun futuro, e a medida que as novas xeracións vaian medrando, a fenda non será tan evidente nos grupos de idade.

Outro punto interesante foi a participación das mulleres nas empresas adicadas ao desenvolvemento de tecnoloxía. A revista especializada Wired sorprendeu ao mundo ao adicarlle a súa portada á enxeñeira Limor Fried. Así, Ladyada, coma a coñecen no mundillo -en referencia, precisamente, á xa mencionada Ada Lovelace-, converteuse na primeira muller en recibir este honor (por certo, mentres escribo isto, Fried está na páxina de inicio da revista). Mais seu caso non é común. Sabemos que son poucas as rapazas que se lanzan a facer carreiras técnicas relacionadas ca informática e a tecnoloxía, co que é lóxico que despois tampouco as haxa nas empresas. Luz Castro achegounos os datos dun estudo realizado por EGANET, segundo o cal, nas empresas TIC galegas só hai un 25% de mulleres en postos técnicos e un 13% en postos directivos. Porén, Luz deunos algo de esperanza con varias novas que indican que a participación das mulleres nas redes sociais é maior que a dos homes.

Rematando co mundo tecnolóxico, tamén se fixo referencia a algúns proxectos feitos por mulleres: MUIN (rede de Mulleres en Informática), Mujeres en Red, a iniciativa de Montse Boix, que é hoxe todo un referente no e-feminismo; a bitácora de Tíscar, veterana blogueira á que sigo dende hai bastantes anos e que é unha enciclopedia didáctica nestas cousas da comunicación e as tecnoloxías; a de Rosa Jiménez Cano, quen fora responsable da comunidade de blogues de El País, e que hoxe exerce coma social media manager no mesmo xornal; ou o proxecto GeneraTech, nado en Catalunya e que xa leva a visión de xénero no seu nome. Por citar só algúns.

Cambiamos de terzo…

A última destas exposicións que chamarei “reveladoras” versou sobre o mundo do deporte, que falou pola boca de María Ángeles Fernández Villarino, profesora de INEF na Universidade de Vigo. Despois do que nos contou, non me estraña que se indignara de xeito tan visible durante a súa intervención. Dende logo somos conscientes de que neste ámbito a desigualdade é máis que obvia, e quizais por iso tendemos a afastarnos del -eu polo menos, mais polo que puiden ver nas xornadas, non son a única- e descoñecemos gran parte das inxustizas que o rodean.

María Ángeles comezou dicindo algo básico, que “non é o mesmo informar de deporte feminino, que informar de deporte feminino con visión de xénero”. Sirva como exemplo a ligazón á revista Desnivel que puxen máis arriba. E non é só polo xeito no que as mulleres deportistas aparece reflectidas nos medios; é que a discriminación dos logros das mulleres no deporte ven xa de moi atrás e non estou moi segura de que mellorase. Contounos Villarino que no ano 2007, só un 2% da información deportiva referíase a mulleres. É que non fixeron nada bo nese ano? Ou quizais practicamos menos o deporte? Supoño que non van por alá os tiros.

Hai, ademais, unha especie de “feminimusculofobia” na sociedade que, coma contou a ponente, fai que haxa un forte estereotipo e prexuízo cara ás mulleres que practican o deporte profesionalmente: que son “machunas”, que os seus corpos son “feos”, que “non valen para ter fillos”… lembrade senon o que se especulou no seu día sobre a sexualidade de Arantxa Sánchez-Vicario. Topicazo ao canto!

Edurne Pasabán 

Lili Álvarez

Temos no deporte español mulleres de primeira, pero apenas se recoñecen as súas caras e caen no esquecemento moi facilmente. Na charla se citou, por exemplo, a Edurne Pasabán, a montañeira vasca que se converteu recentemente na primeira muller que rematou o reto dos 14 oito miles e que estes días anda trepando ao Everest sen osíxeno; a Lili Álvarez, a primeira española que participou nunha Olimpíada e que competiu en diversas disciplinas; a Almudena Cid, que encadeou catro Xogos Olímpicos consecutivos e sempre ao máximo nivel, algo que ningún deportista español, home ou muller, ten conseguido polo de agora -mais hoxe é só a moza de Cristian o de Pasapalabra; Joane Somarriba, ciclista vasca gañadora de tres Tours e dous Giros, entre outras moitas cousas; ou, máis recentemente, Gemma Mengual que, como dixo María Ángeles, cando volve de competir “non pode levantala cabeza do que lle pesan as medallas”. E no ámbito do xornalismo deportivo, por suposto, “santa” María Escario.

Mais semella que estes logros non acaban de verse representados nin nos medios, nin nos organismos oficiais que regulan a práctica profesional do deporte. No COE, as mulleres na dirección son só un 2% do total, aínda que dita institución ten un compromiso do 12%. E ademais, teñen un problema ca linguaxe, xa que aínda que a vicepresidenta sexa unha muller, aparece como “vicepresidente”. O mundo da vela botouse as mans á cabeza cando a Federación Internacional de Vela lle deu a volta ás cotas e reservou o 60% para as mulleres e o 40% aos homes. Oh my God! Que escándalo!!

E remato cun dato que penso que a todas nos deixou frías. Contounos Villarino que nos deportes de forza, coma a halterofilia, non existe un adestramento específico para as mulleres, que se limitan a seguir o dos homes. Máis a nosa estrutura corporal non é a mesma e, a longo prazo, acaba causando lesións e patoloxías permanentes, coma perdas de urina. Dixo a profesora de INEF que moitas veces nas competicións, “as deportistas mexan por elas, literalmente, cando fan o levantamento, e é normal ver o cubo ca fregona ao pé da colchoneta”. É para flipar, a verdade. Ou non?

Ana Belén Puñal despediu as xornadas co desexo de que “despois destes días saian de aquí non unha, se non moitas feministas”. Penso e espero que se cumpra o seu desexo e que todas as participantes -incluíndo aos homes, que algún houbo, grazas por vir- apliquemos o conto ás nosas vidas persoais. Que tamén son políticas.

Por suposto, quero dar grandes parabéns ás participantes, á organización e, por suposto, a todas as conferenciantes: Rocío Fraga, Mila Lores, Teresa Vera, Jorge García, Rosa Cobo, Mónica Bar Cendón, Carme Adán, Lorena Arévalo, Lola Ferreiro, María Xosé Agra, Luz Castro, Coral del Río, María Lameiras, Carmen Blanco e María Ángeles Fernández Villarino.

Seguindo o principio da información útil, fixen unha recopilación do material que se mencionou ao longo das xornadas, dende artigos ata películas. Podedes mirala en formato Open Office e Word

A modo de despedida, un chisco de humor: o tremendo speech de Rosie O’Donnell no filme Beautiful Girls. Que mellor que rematar rindo!

Saúdos parabólicos!!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: